Alertan da vaga de proxectos de minaría de litio en Ourense

1 month ago 11

  •  Ecoloxistas en Acción denuncia a ilegalidade do permiso de investigación denominado Novo Cima para a extracción de litio nos concellos de Verín e de Vilardevós na provincia de Ourense.
  • A organización ecoloxista considera que o permiso Novo Cima é inadmisible porque vulnera a soberanía e integridade territorial da República Portugal.
  • Ecoloxistas en Acción alerta que estas explotacións mineiras son incompatibles coa actividade marcadamente agrogandeira da comarca.

Ecoloxistas en Acción solicitou á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación que se arquive a tramitación do proxecto de labores “NUEVO CIMA”, nos concellos de Verín e de Vilardevós, na provincia de Ourense, en diante denominado o “Proxecto”, porque dúas das cuadrículas mineiras solicitadas atópanse dentro do territorio nacional da República portuguesa.

Ademais, todo o permiso se encontra na bacía do río Támega, curso fluvial internacional que flúe cara territorio portugués e desemboca no río Douro. É evidente que calquera actuación que se realice sobre os cauces e ríos próximos á fronteira, pode ter un impacto considerable sobre a calidade e cantidade destas augas internacionais, así como do entorno protexido que comparten ambas nacións.

Son varios os convenio internacionais, directivas europeas e normativas de diferente índole que obrigan, nunha situación como a que se describe, tanto a consultar ó país veciño afectado como a realizar unha avaliación de impacto ambiental global de ditas intervención a nivel transfronteirizo A organización ecoloxista sinala que a mera tramitación da presente solicitude, sen excluir do perímetro solicitado os territorios portugueses afectados, representa unha flagrante violación da soberanía e integridade territorial da República portuguesa, que debe motivar o seu arquivo.

Ecoloxistas en Acción tamén denuncia a falta de capacidade técnica do promotor doOMEGA REAL ESTATE, S.L.. Esta empresa foi constituída en 2018 co obxecto social de “Alquiler de bienes inmobiliarios por cuenta propia” e non consta ningunha experiencia mineira, máis alá da recente solicitude de diversos permisos de investigación mineira en varios puntos da fronteira hispano-portuguesa, con evidentes fins especulativos. Para a organización ecoloxista é manifestamente falsa a afirmación contida na memoria de que “OMEGA REAL ESTATE, S.L. foi creada para a exploración, investigación e explotación de xacimentos minerais.” Destacan que, de feito, a empresa foi incapaz de acreditar ningunha capacidade ou experiencia técnica na documentación presentada.

Para Ecoloxistas en Acción a falta de concreción nas labores a realizar amosa o carácter especulativo do proxecto. Non existe unha proposta ou programación para unha campaña de sondeos que permitan demostrar a existencia dun recurso mineiro racionalmente explotable. De feito, o proxecto pospón a realización de sondeos a unha posterior solicitude de prórroga, convertendo unha medida excepcional (a prórroga) nunha mera estratexia para acumular e acaparar dereitos mineiros con fins meramente especulativos. Ademais, a ausencia dunha cartografía na que se indiquen os sondeos previstos xera indefensión ás persoas titulares de bens dentro do perímetro e ao público en xeral, que non pode alegar frente aos impactos concretos que estes poderían causar dada a indefinición dos mesmos.

As grandes fontes de recursos da Comarca de Verín son a agrogandeiría, moi especialmente a viti-vinicultura asociada á marca de calidade do seu Consello Regulador, o turismo de natureza e asociado ao Camiño de Santiago, e as augas minerais, actividades todas elas incompatibles en boa medida coas explotacións mineiras.

Lembran que as aldeas de Feces de Cima e Mandín directamente afectados polo proxecto e algunhas próximas como Vilardecervos, a día de hoxe xa teñen moi comprometidos os recursos hídricos por mor da actividade mineira levada a cabo ata a década dos anos setenta do século pasado e da cal as consecuencias e afectación da calidade da auga persisten ata o día de hoxe. Por iso, Ecoloxistas en Acción alerta que calquera outra actividade mineira posta en marcha danará moito máis a calidade da auga e mesmo comprometerá a vida nalgunha destas aldeas pola falta de recursos hídricos.

“É evidente que calquera actividade mineira, pola súa propia natureza afecta de forma moi apreciable o ambiente do territorio que ocupa, mediante a destrución directa do solo (e por tanto dos hábitats que se sustentan nese solo) no caso da minería a ceo aberto, e mediante as afeccións ao subsolo, ás augas subterráneas e superficiais no casos da minería a a ceo aberto e subterránea”, aseguran desde a organización ecoloxista.

La entrada Alertan da vaga de proxectos de minaría de litio en Ourense aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article