Instruen dilixencias penais contra a Xunta de Galicia pola destrucción do bosque do Banquete de Conxo

1 week ago 29

  • O xulgado nº2 de Santiago de Compostela ven de confirmar a Ecoloxistas en Acción a apertura de dilixencias penais contra a Xunta de Galicia polas obras dun vieiro na ribeira do río Sar, que afectan ao bosque do Banquete de Conxo.
  • Tamén confirmou a Fiscalía Europea Anticorrupción a instrucción de causa penal contra o goberno galego por estas mesmas obras, que impactan nunha zona declarada patrimonio mundial pola UNESCO.
  • Ecoloxistas en Acción, entidade que presentou ambas denuncias, e a Asociacion veciñal Conxo Aberto, esperan que os instructores decreten a paralización cautelar das obras, tal como solicitaron nas denuncias, para evitar, así, danos irreparables ao ecosistema do río Sar.

Tanto o xulgado nº2 de Santiago de Compostela como a Fiscalía anticorrupción europea confirmaron a Ecoloxistas en Acción a apertura de dilixencias penais pola actuación da Xunta de Galicia nas obras do denominado “Eixo de Mobilidade Sostible’, no treito entre Milladoiro e Compostela, a seu paso por Conxo. A organización ecoloxistas denunciou ao Goberno galego pola talla de árbores, movementos de terras e a apertura, non autorizada, dun vieiro dentro da área de Protección de Patrimonio da Humanidade do Convento de Conxo.

Ecoloxistas en Acción sinala que esta actuación da Xunta invade a área delimitada na que está realizándose o proxecto “Eco-Bosque Rio Sar” promovido polo concello de Santiago de Compostela co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITERD). Este proxecto está financiado tamén dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de la Unión Europea e promove a recuperación ambiental do ecosistema fluvial do “Bosque do Banquete de Conxo”, rexenerando as riberas do río, eliminando especies invasoras e restaurando espazos que aumenten a biodiversidade da zona.

Por iso, desde Ecoloxistas en Acción trasladaron tanto á Xustiza española como á  fiscalía europea que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia incumpre os principios de boa xestión financieira que deben rexir o destino dos fondos europeos, ao “sepultar” coa súa actuación un proxecto posto en marcha con anterioridade.

No ano 1985 engádese a Conxo na lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Nesta declaración se delimita e inclúe especificamente a totalidade do recinto do Convento de Conxo e o Bosque do Banquete co seu entorno fluvial. A apertura dunha nova senda coa conseguinte talla de arboredo e movementos de terra que leva asociados están afectando xa á finca do antigo mosteiro. Porén, o informe da Dirección xeral de Patrimonio Cultural de Galicia incorporado ao Proyecto “Eixo de Mobilidade Sostible en Santiago de Compostela Treito: Milladoiro-Estación Intermodal” prohibe expresamente a apertura de novas sendas e o movemento de terras dado que considera este espazo como dunha gran calidade ambiental, que debe evitar alterarse.

Ecoloxistas en Acción tamén indicou a fiscalía europea e ao xulgado de Compostela que o acto administrativo de ordenar o inicio das obras a sabendas que se aparta do esixido por Patrimonio podería ser constitutivo dun delito de prevaricación administrativa. Ademais de comportar a perpetración dun delito contra o patrimonio histórico artístico, cultural e monumental, específicamente contra o patrimonio da humanidade.

A asociación veciñal Conxo destacan que o Plan Especial para a preservación do Patrimonio da Humanidade recolle que o conxunto do Mosteiro de Conxo está declarado como BIC pola súa excepcional calidade arquitectónica e tanto polo seu gran valor histórico como natural.

A asociación veciñal e Ecoloxistas en Acción rexeitan as obras en execución. “Pedimos a paralización inmediata do proxecto “Eixo de Mobilidade Sostible’” no treito de Milladoiro a Compostela por ser unha urbanización dura dun espazo de alto valor natural, xa que ten previsto hormigonar, levantar escolleras, asfaltar e iluminar na ribeira do río Sar en Conxo”, declara Luciano Villar, voceiro de Conxo Aberto.

 

La entrada Instruen dilixencias penais contra a Xunta de Galicia pola destrucción do bosque do Banquete de Conxo aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article