Plantámonos pecha o seu segundo encontro anual celebrado en Allariz co roteiro reivindicativo ‘Outra Limia é posible’

8 hours ago 23

  • O movemento Plantámonos, do que forma parte Ecoloxistas en Acción, agrupou a máis de 200 persoas de 50 colectivos de todo o Estado durante esta fin de semana en Allariz (Ourense), no seu segundo encontro estatal.
  • O obxectivo foi fortalecer o movemento pola soberanía alimentaria con diferentes estratexias para avanzar cara a un modelo de produción agroecolóxica.
  • Para finalizar o encontro, realizouse o circuíto “Outra Limia é posible” no que se denunciaron as consecuencias da agricultura e gandería industriais para as persoas e a natureza.

Tras unha fin de semana marcada pola formación e articulación interna do movemento pola soberanía alimentaria, o segundo encontro estatal de Plantámonos, celebrado en Allariz desde o venres 18 ata hoxe, finalizou cunha xornada protagonizada por un roteiro pola comarca da Limia co obxectivo de dar a coñecer de primeira man os impactos da agricultura e gandería industriais.

Ao longo do encontro leváronse a cabo diferentes dinámicas e formacións co fin de establecer estratexias para denunciar os impactos sociais e ambientais do modelo agroalimentario e poñer sobre a mesa os próximos pasos para avanzar en colectivo cara a unha transición agroecológica no marco da soberanía alimentaria como alternativa á agroindustrialización da produción de alimentos.

Así, realizáronse obradoiros en materia de comunicación e estratexias de mobilización, nos que as persoas participantes articuláronse en grupos de traballo sobre temas específicos, como as loitas territoriais na defensa dunha alimentación sa e saudable para as persoas e o medioambiente, ou as ameazas sistémicas que dificultan o avance dos modelos de produción agroecolóxicos.

O domingo, como parte final do encontro, organizouse o roteiro “Outra Limia é posible”, que daba comezo cunha panorámica da que foi a lagoa de Antela. Un roteiro guiado polas explicacións de Serafín González, científico do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que leva anos denunciando a contaminación por nitratos na Limia, elevando esta denuncia a institucións europeas, que constataron a existencia de prácticas ilegais na comarca.

De feito, xa no ano 2017 a propia UE notificou ao Estado español a apertura dun procedemento de infracción da Directiva de nitratos (Directiva 91/676/CE do Consello) argumentando que “España non controla as súas augas de maneira efectiva, comprometendo a súa capacidade para revisar as zonas vulnerables aos nitratos e avaliar a eficacia dos programas de acción, limitando así a eficacia da lexislación”.

A lagoa de Antela era un espazo de gran valor ecolóxico, non só para fauna —principalmente aves—, senón tamén para as poboacións rurais, xa que representaba unha significativa actividade agrícola e gandeira, grazas precisamente á existencia desa zona húmida.

A desecación da mesma foi unha intervención destrutiva discorrida desde a lóxica agroindustrial, que non conseguiu reverter nin deter a perda de poboación na comarca, senón que ademais causou graves danos ambientais. Á súa vez, afectou o coidado do chan, xa que deu lugar a unha gran superficie de terra pobre en materia orgánica, para practicar un modelo de agricultura industrial alleo ao equilibrio tradicional entre o gando e o monte dos que se obtiña o esterco para os cultivos.

A situación empeorou aínda máis coa instalación dun gran número de explotacións gandeiras intensivas, principalmente avícolas e de porcino, que supuxeron un novo golpe no uso da auga en forma de sobreconsumo e contaminación debido á inxente cantidade de residuos xerados por esta actividade.

O roteiro finalizou en Ponte Liñares, onde se fixo fincapé no grao de contaminación da auga deste río. Alí o gandeiro do Sindicato Labrador Galego-Comisións Labradoras (SLG-CCLL), Samuel Formoso, achegou a perspectiva campesiña sobre a problemática da Limia, en particular, e do modelo agroindustrial en xeral, así como a alternativa que ofrece a agroecoloxía, e léronse as conclusións do encontro.

Acción de denuncia contra a gandería industrial

 

Coincidindo co Encontro pola Soberanía Alimentaria de Plantámonos en Allariz, un grupo de activistas achegouse ás instalacións dunha coñecida empresa de gandería industrial en Ourense, para esixir unha transición agroecolóxica e denunciar o impacto da industria agrogandeira. As activistas despregaron pancartas nas inmediacións e devolveron á empresa 300 litros de xurros.

O obxectivo da acción foi, por unha banda, visibilizar os impactos da agroindustria a través do exemplo da comarca da Limia e, por outra, poñer en valor a existencia de producións campesiñas e agroecológicas que funcionan baixo outra lóxica. A agroindustria destrutiva, unha das causas da crise ecolóxica global, crise enerxética, despoboamento rural, agrotóxicos, perda de chan fértil, contaminación da auga potable, entre outras, está a se apoderar das terras de cultivo.

Plantámonos reivindica que a solución a estes problemas pasa por transformar o sistema agroalimentario en clave agroecolóxica: desintensificar, reducir agrotóxicos, e relocalizar a produción, transformación e comercialización de alimentos. É dicir, poñer en marcha unha transición agroecolóxica co compromiso de todas as Administracións e a implicación cidadá, porque a transición ecolóxica non se producirá sen reconsiderar un elemento central como é o sistema agroalimentario.

O movemento pola soberanía alimentaria reitera que é a agricultura familiar e social baseada na agroecología a que dá cohesión social e vida ás zonas rurais, a que coida da biodiversidade agraria, a que produce alimentos sans e sostibles, e a que se desenvolve baixo un modelo agroalimentario socialmente xusto e sostible, con perspectiva feminista e asentado en bases de economía social e solidaria. Sobre ese modelo de produción e consumo debe centrarse o desenvolvemento de sistemas alimentarios, para que realmente sexan sostibles e resilientes ante a crise ecosocial, climática e de biodiversidade.

 

Nos plantamos fotos | vídeos

La entrada Plantámonos pecha o seu segundo encontro anual celebrado en Allariz co roteiro reivindicativo ‘Outra Limia é posible’ aparece primero en Ecologistas en Acción.

Read Entire Article